Wednesday 22 de May de 2024

As alumnas da Escola de Nenas de Trasmonte (Oroso) volven reunirse 48 anos despois


Un grupo de corenta veciñas orixinarias da parroquia de Trasmonte (Oroso), alumnas da desaparecida Escola de Nenas de Trasmonte, celebraron unha reunión a pasada fin de semana. Un encontro que tivo como detonante a publicación da revista “Memoria de Oroso”, editada polo a revista do Arquivo Histórico de Imaxes do Concello de Oroso. Nesa publicación incluíase unha fotografía realizada da Escola de Nenas de Trasmonte coa mestra María Luísa Pérez López, aló polo ano 1968. Unha fotografía que aquelas nenas quixeron repetir a pasada fin de semana, 48 anos despois.

Unha reunión que non foi doada de artellar, pois moitas delas xa non residen en Oroso e non foi sinxelo atopar os contactos, aínda que finalmente acudiron de toda Galicia e mesmo de Madrid e do País Vasco. Tan só faltaron dúas persoas da foto orixinal o que, unido ao bo ambiente que se xerou na comida e ás moitas experiencias que aínda lles quedan por compartir, xa acordaran repetir este xantar de confraternidade.

As veciñas lembraron como daquela a ensinanza estaba segregada e as nenas estaban separadas dos nenos. A mestra, María Luísa Pérez López, atendía a un total de 42 nenas e, ademais de impartir os contidos educativos de cada nivel, facíalles rezar o rosario e cantar o himno falanxista “Cara al sol”, así como limpar a escola ás alumnas de maior idade. Unha escolarización que, ademais, era exclusivamente en castelán.